miércoles, 14 de enero de 2009

María Villaraviz Goberna


María Villaraviz Goberna


María Villaraviz (Vigo,1976) naceu no barrio de Bouzas hai 32 anos, non obstante a súa vida transcorre a uns centos de metros deste barrio mariñeiro, nas rúas de Coia: na asociación, na parroquia e no colexio. Quizáis este temprano vínculo forxou a necesidade de traballar por el, facendo barrio.
Á temprana idade de 13 anos comeza a participar da Asociación Veciñal “Camiño Vello” de Coia, repleta de ledicia e gañas de comprometerse co barrio. Coa súa forza pronto animou ao seu entorno a compartir as súas inquedanzas e traballar por elas.


Inquedanzas xuvenís


Comezou no clube xuvenil, preocupada polas poucas alternativas que se lles estaban a ofertar aos mozos e mozas do barrio. Pronto articulou un equipo de traballo no que atopou o xeito de darlles forma aos seus proxectos. Deste xeito comezaron os obradoiros do clube xuvenil, os papanoeis de Coia, noites vivas, os cursos de cociña, os entroidos e o Día d@ moz@ que unha vez ao ano converte rúas e xardíns de Coia en punto de encontro para milleiros de mozos e mozas, para practicar deporte, compartir coñecementos e achegar a toda a cidadanía a vida asociativa do barrio.

Perfil social


Pasan os anos e a implicación de María coa súa asociación e a veciñanza de Coia seguen a medrar. Pronto compatibilizará os estudios de Filosofía na UNED coa súa responsabilidade como Vogal na Asociación Veciñal “Camiño Vello” de Coia entre os anos 2000 e 2003 e logo como secretaria entre 2003 e 2007.

Pouco a pouco María dase de conta que o seu futuro xira en torno ao ámbito social. Entre os anos 2000 e 2003 complementa a súa formación cos títulos de Mediadora Xuvenil en Ámbitos Saudables, Orientadora de Asociacións, Xestión e Dirección de Organizacións Sociais e Experta Universitaria en Animación Sociocultural; título otorgado pola UNED e a Fundación Universidade Empresa.

Federación Veciñal


O seu continuo esforzo e ilusión logran catapultala a outros foros. Deste xeito, desde 2001 e ata 2007 traballa como coordinadora de administración e xestión na Federación Veciñal de Vigo “Eduardo Chao”. Convértese na man dereita da presidenta e desenvolve as labores de xestión, deseño, execución e avaliación de proxectos, planificación estratéxica e coordinación de equipos.

Durante eses anos cabe salientar que é a principal impulsora de que a Federación participe en programas europeos como “My Voice” e configúrase como unha figura clave na organización de eventos como a Festa Veciñal, Día do Estuto ou Xornadas Veciñais e de Muller.


Actualidade


A día de hoxe María Villaraviz reorientou a súa carreira profesional cara ao ámbito empresarial. Traballa como consultora de formación e desarrollo profesional en Adecco Training; un mundo non demasiado alonxado do social, consistente na consultoría, deseño e posta en marcha de programas de formación e desarrollo.


María non ten olvidado as súas raíces e segue a colaborar co movemento veciñal, tanto a nivel estatal como Vogal da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais, desde novembro de 2008 así como a nivel local desde a Asociación Veciñal “Camiño Vello” de Coia, ideando e materializando novos proxectos para seguir traballando e facendo de Coia, un barrio en movemento. Ela personaliza a frase: “A ledicia, ilusión e traballo, canto máis se espalla, máis medra”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario